Unu anuncia baterías externas de carga ultra-rápida

martes, 10 de xuño do 2014 Marcus Fernández

En mobilidade resulta de grande utilidade contar con baterías externas para poder recargar os nosos dispositivos electrónicos, pero estes cargadores de emerxencia teñen entre as súas eivas que, ao ter unha alta capacidade, tamén adoecen de elevados procesos de carga (habitualmente de varias horas) o que claramente pode ser un problema de cara a unha saída planificada con pouco tempo, polo que as novas baterías de Unu de seguro que van atopar moitos consumidores interesados en facerse con estes produtos que estarán dispoñibles a partir do 30 de xuño, e que prometen cargas ultra-rápidas.
Estas novas baterías coa tecnoloxía de carga rápida Ultra-X chegarán en dúas versións: a batería Ultrapak Go cunha capacidade de 3.000 mAh que poden cargarse en só 30 minutos (conseguindo chegar a súa carga aos 2.000 mAh en só 15 minutos; e a Ultrapak Tour, cunha capacidade de 10.000 mAh que pode cargarse en só 95 minutos (repetindo tamén a posibilidade de conseguir 2.000 mAh de carga en só 15 minutos).
O modelo máis cativo resulta bastante compacto (é máis pequeno que a meirande parte dos smartphones) e pode achegar por USB até 2.1 A (de xeito que pode cargar incluso tablets); mentres que o modelo grande estaría máis orientado para viaxes e fins de semana, destacando por contar con 2 portos USB de 2,1 A e 1 A, de xeito que podería cargar simultaneamente un tablet e un smartphone.
Ambas baterías teñen unha pantalla na que amosan o seu nivel de carga e tamén contan cun LED que pode facer de lanterna.


Vídeo promocional das novas baterías externas de Unu

PUBLICIDADE