VANQUISH chega a PC con interesantes melloras

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

O xogo VANQUISH de PlatinumGames por fin recibe o tratamento que moitos esperaban, ao estrearse en Steam, de xeito que xa podemos mercalo para PC, o que permite gozar deste frenético título de acción en terceira persoa sen as limitacións de resolución e fotogramas por segundo das súas versións orixinais para Xbox 360 e PlayStation 3.
A nova versión deste xogo de Shinji Mikami ten desbloqueados elementos como a resolución máxima e a velocidade de fotogramas, de xeito que canto máis potente sexa o noso ordenador poderemos gozar deste título cun maior nivel de detalle, polo que os posuidores dun potente ordenador para gaming poderán gozalo en 4K a máis de 60 cadros por segundo, mentres que os usuarios con ordenadores máis modestos poderán na meirande parte dos casos gozar dunha experiencia considerablemente superior á das consolas de videoxogos.
VANQUISH ofrece un combate rápido, fluído e frenético (destacando o seu sistema de propulsión para moverse entre puntos de cobertura), no que tamén contaremos con combate corpo a corpo cinético, un amplo arsenal e grande variedade de inimigos repartidos en escenarios espectaculares, de xeito que os que non gozaran deste xogo en consola teñen agora unha magnífica oportunidade á que contribúe que o seu prezo de venda sexa de só 19,99 euros.

DigitalFoundry fixo unha comparación do xogo entre as versións de PS3 e PC, analizando tamén o seu rendemento con distintas configuracións

PUBLICIDADE