VANQUISH pode xogarse en Xbox One grazas á retrocompatibilidade

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Até hai pouco o xogo de Platinum Games VANQUISH estaba afastado das máquinas actuais, xa que lanzárase orixinalmente para Xbox 360 e PlayStation 3, de xeito que as consolas actuais non podían gozar deste atractivo e trepidante xogo de Shinji Mikami, pero o ano pasado saíu ao rescate Steam, tenda de xogos para PC que ofreceu unha versión para ordenadores persoais con interesantes melloras, como contar cunha velocidade de fotogramas desbloqueada e gráficos 4K.
Pero a partires de hoxe vai haber moitos máis equipos capaces de xogar a VANQUISH, xa que o xogo vén de incorporarse á listaxe de xogos retrocompatibles, ou sexa, que xa é compatible con Xbox One, o que permite que quen o mercase en Xbox 360 poida xogalo na súa nova consola, pero tamén atraerá a novos compradores, que poden facerse con este magnífico título a un prezo de 19,99 euros (e que previsiblemente poderá conseguirse de oferta nos vindeiros meses). Unha magnífica nova para moitos xogadores de Xbox.

Lara Croft en perspectiva isométrica

VANQUISH non é o único retrocompatible de nova incorporación, senón que tamén vén de integrarse á familia o videoxogo de Brave (que será un dos Xogos con Gold do mes que vén) e o interesante Lara Croft and the Guardian of Light, o primeiro xogo de aventura multi-xogador de Lara Croft, que presenta uns bos gráficos en perspectiva isométrica, no que supón unha aproximación diferente ao universo de Tomb Raider.

PUBLICIDADE