Vader Immortal chegará a PS VR o 25 de agosto

venres, 7 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Durante meses o xogo de realidade virtual Vader Immortal foi un dos grandes reclamos para facerse co casco de realidade virtual autónomo Oculus Quest, e unha vez que esta aventura completouse coa publicación dos seus distintos episodios consideraron que podería estar ben levala a novas plataformas, como PlayStation VR, e finalmente este lanzamento xa ten data, de xeito que o 25 de agosto sairá á venda Vader Immortal: A Star Wars VR Series.
Nesta versión do xogo non haberá que agardar ao lanzamento dos 3 episodios por separado, senón que mercarase o produto completo de vez. Esta aventura levaranos ao planeta Mustafar, onde se atopa a fortaleza de Darth Vader, onde haberá que descubrir segredos ocultos baixo a superficie do planeta e aprender a dominar a Forza.
Esta produción de ILMxLAB conseguiu portar sen problema a experiencia de Oculus a PlayStation VR, facendo que este atractivo xogo estea dispoñible para un mercado moi amplo, xa que a solución de realidade virtual de Sony é unha das máis accesibles do mercado.

Tráiler de lanzamento de Vader Immortal para PlayStation VR

PUBLICIDADE