Vampire Survivors chegará a consolas PlayStation a finais de mes

xoves, 8 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O xogo de supervivencia con xogabilidade minimalista e elementos de roguelike chamado Vampire Survivors non só é un dos títulos independentes de máis éxito dos últimos anos, chegando inicialmente a PC e Mac e dando logo o salto a consolas Xbox e Nintendo Switch e a dispositivos móbiles con iOS e Android, polo que só quedaba unha grande plataforma por conquistar, a PlayStation, o que van solucionarse en breve, xa que o vindeiro 29 de agosto estreará versión para PS4 e PS5.
Este xogo de Poncle Limited xa aparece listado na tenda dixital de PlayStation, e chegará con todo o contido que foi recibindo o título nos últimos anos (de xeito que xa conta cuns 50 personaxes xogables, unhas 80 armas e incluso un par de grandes expansións incluídas).
Estamos ante un xogo caótico e divertido, no que as partidas duran até media hora, formato que consideran que resulta directo, conseguindo que se perciba como unha compra moi satisfactoria. Esta boa aceptación de Vampire Survivors levou a que o creador do xogo se puxese a colaborar coa compañía Story Kitchen para desenvolver unha serie de televisión animada, o que é unha boa mostra do impacto que está a ter o xogo.

Vídeo co que se anuncia que Vampire Survivors chegará a PS4 e PS5 o vindeiro día 29