Vanguard Princess: novo xogo de loita de balde para PC

mércores, 8 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Os amantes dos xogos de loita en dúas dimensións coma os que SNK e Capcom fixeran para máquinas recreativas poden gozar dunha obra máis deste xénero grazas ao altruísmo do seu creador, Tomoaki Sugeno (que traballou na elaboración de títulos coma The King of Fighters EX: Neo Blood, Resident Evil 3: Nemeiss e Mega Man & Bass), que tras 3 anos e medio de traballo co 2D Fighting Game Maker decidiu publicar de balde o xogo Vanguard Princess, que ten unha mecánica moi semellante a xogos coma Marvel vs Capcom, pero só con personaxes femininos con aparencia de anime.
Este título funciona baixo Windows, aínda que ao estar feito para o Xapón, hai que empregar certos trucos para facelo correr un ordenador occidental, así como moverse a cegas polos seus menús en xaponés (o que non resulta complicado, pois as opcións deste tipo de xogos son bastante limitadas, e basta con premer unhas poucas teclas para atoparse repartindo estopa).
As animacións e as ilustracións do xogo son moi boas para tratarse dun título gratuíto, e de indicar algunha pega ao xogo, posiblemente estaría na súa reducida dificultade.


O xogo presenta unha animación fluída e uns gráficos coidados

PUBLICIDADE