Variña máxica que fai de mando a distancia do televisor

mércores, 16 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Os máis fieis seguidores de Harry Potter poderán facer maxia no salón do seu fogar grazas á Kymera Magic Wand, unha variña máxica que conta cun acelerómetro, de xeito que pode interpretar os xestos do usuarios coma un mando da Wii para cambiar de canle ou modificar o volume do noso televisor.
Esta variña máxica interpreta 13 xestos distintos e sairá á venda o vindeiro 1 de outubro por 49,95 libras esterlinas (55,10 euros) aos que habería que engadir 10 libras (11,24 euros) polos portes a España.
A Kymera Magic Wand pode aprender os sinais de infravermellos que envía o mando a distancia do noso televisor para reproducilos coma reacción a movementos detectados, de xeito que xirar a variña funciona coma control de volume e axitar a variña verticalmente permite cambiar de canle, mentres que os movementos en horizontal (e moitos outros) poden personalizarse, aínda que hai que recoñecer que estamos máis ante un xoguete (ou agasallo) que ante un práctico mando a distancia.

PUBLICIDADE