Varios torneos de videoxogos completarán a primeira edición de XOGA na Coruña

mércores, 24 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A cidade da Coruña está a destacar nos últimos anos polas súas numerosas actividades dirixidas a unha mocidade que busca propostas alternativas de lecer, e para avanzar nesta dirección as asociacións galegas Draco, Movemento Xove e Terra Lúdica organizan os vindeiros días 26, 27 e 28 a primeira edición das Xornadas de Ocio Galego Alternativo (XOGA), que realizaranse no albergue Beiramar (parte das instalacións do Colexio Salesiano San Juan Bosco) onde incluso haberá espazo para que os visitantes que veñan de máis lonxe poidan pasar a noite, para poder así participar nas actividades de toda a fin de semana.
Aínda que nas xornadas destaquen especialmente as mesas redondas, a práctica de jugger e softcombat, distintos obradoiros e xogos de mesa, de cartas, de taboleiro, de miniaturas e de rol en vivo, non faltarán os videoxogos, de xeito que o venres pola tarde celebrarase un torneo de Mario Kart 8, o sábado poderase competir nos xogos Pokémon X-Y e Just Dance e o domingo rematará cun torneo de Super Smash Bros. Brawl.
Un torneo que non podemos deixar de comentar é o do wargame chamado Infinity, que desenvolverase durante o sábado e o domingo, e destaca por ser obra de Corvus Belli, compañía de Cangas do Morrazo que conseguiu que a súa creación conseguise sona internacional, de aí que non sexa de sorprender que no futuro teña unha contrapartida electrónica, xa que universos como o de Warhammer serviron de inspiración para numerosos videoxogos dende os anos oitenta chegando a completos xogos masivos en liña con centos de milleiros de xogadores.

Mario Kart 8</Em> será o xogo que abra os torneos de videoxogos na primeira edición de XOGA
O encontro tamén acollerá un torneo do wargame de factura galega Infinity

PUBLICIDADE