Venden nos EE.UU. un router que permite compartir o WiMAX por Wi-Fi

mércores, 1 de abril do 2009 Marcus Fernández

Clearwire Communications vén de iniciar a comercialización nos EE.UU. do dispositivo CLEAR Spot Personal Hotspot, que permite compartir unha conexión de banda larga sen fíos WiMAX ata con 8 usuarios a través de Wi-Fi, o que resulta especialmente útil para usuarios que se movan dentro das zonas con cobertura do servizo CLEAR.
O router ten un prezo de 139 dólares, e para conectarse á rede WiMAX só é preciso conectarlle ao mesmo un modem USB (á venda por 49 dólares) para poder compartir así o acceso de ata 4 Mbps que oferta o servizo de banda larga móbil.
Este tipo de solucións resultan cada vez máis atractivas porque os usuarios tenden a contar con varios dispositivos con Wi-Fi (portátiles, teléfonos móbiles, reprodutores multimedia, consolas de videoxogos…) e limitar o acceso á Rede a un único equipo non resulta óptimo.
Aínda que estamos a falar dunha solución comercial para os EE.UU., este tipo de produtos poderían resultar tamén moi atractivos para outros mercados, pois temos que lembrar que na actualidade hai redes WiMAX en cidades e polígonos industriais galegos, que verían así mellorar a versatilidade destas infraestruturas.

PUBLICIDADE