Víctor Salgado protagoniza hoxe unha nova sesión do programa tres14.pm

xoves, 21 de febreiro do 2019 Redacción

Víctor Salgado contribuirá ao evento ilustrando sobre a problemática legal que xurde do sector TICO programa de eventos tres14.pm, posto en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co fin de xerar coñecemento e networking profesional, vai dar este xoves un novo paso na súa relevante andaina. Logo da sesión celebrada os días pasados na Casa de Europa de Santiago con Julio José Fernández Rodríguez, hoxe é a quenda de impulsar o debate na compaña de Víctor Salvado, avogado especialista en novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Na cita, destinada ás colexiadas e colexiados do CPEIG, abordaranse cuestións como as normativas sobre protección de datos, a futura lexislación da Intelixencia Artificial e o tratamento de datos persoais das redes sociais por parte dos partidos políticos.
A actividade celebrarase no restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro da Coruña (Estrada Os Fortes, s/n), entre as 14:00 e as 17:30 horas. O persoeiro convidado será, como dixemos, o avogado especializado en TIC Víctor Salgado Seguín. O experto centrará a súa exposición en tres liñas argumentais: o regulamento sobre protección de datos, a lexislación relacionada coa intelixencia artificial, e o tratamento dos datos das redes sociais por parte dos partidos políticos.
Nun primeiro momento, Víctor Salgado comentará aos asistentes as normativas actuais referentes á salvagarda da información, allea e propia. Falará do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais de 2018, onde se establecen novas obrigas e responsabilidades para as empresas e profesionais que traten con información de persoas e entidades. Ademais, Salgado relacionará tamén estas normas cos novos modelos de negocio que xorden na rede e o que contempla o actualizado Réxime Sancionador de Protección de Datos.
No relativo á Intelixencia Artificial, o relator compartirá cos asistentes o contexto legal actual, facendo fincapé no que esta tecnoloxía se atope a día de hoxe fóra da lexislación, aínda que existe un proxecto da Unión Europea para regulala, establecendo límites e un código ético, tanto para compoñente de software como de hardware. Comentará tamén os modelos de IA máis coñecidos a día de hoxe, como son a explotación de datos que usa Google (Google Assistant) e Amazon (Alexa) ou outro asistente de voz como o Siri de Apple.
Outro tema relevante que tratará Víctor Salgado será o tratamento que realizan os partidos políticos dos datos persoais presentes nas redes sociais a través da tecnoloxía di Big Data, aspecto que contempla a actual lei española de protección de datos. O programa da sesión de hoxe tamén inclúe un debate arredor da posverdade, un novo concepto que xorde pola manipulación e a difusión de noticias falsas para influír na sociedade e na súa vontade de voto.

PUBLICIDADE