Videoconferencias máis realistas coa webcam Minoru 3D

venres, 17 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A creación de vídeo en 3 dimensións poderá estar ao alcance dos usuarios domésticos grazas á webcam Minoru 3D, que combina dous sensores que integran filtros de cor de xeito que permiten simular unha imaxe binocular ao combinalo cunha sinxelas gafas de cartón (as típicas con filtros azuis e vermellos para os ollos).
A cámara mestura as imaxes captadas por cada lente nun único sinal de vídeo, polo que para percibir nitidamente o que está a gravar resultan imprescindibles as lentes de cores, pero conta coa vantaxe de que se pode empregar con aplicacións de mensaxería instantánea coma o Messenger de Microsoft, o Skype e moitos outros para percibir as 3D a distancia.
Tamén se pode empregar esta cámara web para gravar contidos directamente en YouTube ou para tomar imaxes en 3D (anaglifos) aínda que habería que definir moi ben os tipos de contidos que se capten deste xeito, pois nin as lentes precisas para ver este tipo de material son de uso habitual, nin ten moito sentido gravar tridimensionalmente contornos nos que a profundidade de campo non engade valor.
Agárdase que a webcam Minoru 3D se comece a vender en decembro a un prezo inferior aos 100 dólares.

PUBLICIDADE