Vilagarcía instalará un sistema de cita previa e unha app de xestión de emerxencias

luns, 24 de agosto do 2020 S. P.

O Concello de Vilagarcía anunciou que vai instalar un sistema de cita previa e máis unha aplicación móbil de xestión de emerxencias. Farao botando man dos sobrantes de partidas e baixas de obras. Son, nas palabras do Goberno local, “actuacións de carácter urxente e que veñen impostas pola situación que estamos a vivir coa pandemia da COVID”.
Amais das devanditas actuacións, tamén se mellorará o camiño da rúa Xiabre e adquirirase unha embarcación para o servizo municipal de Emerxencias. A suma total destes sobrantes para os que se propón o cambio de finalidade ascende a 101.098 euros.
En termos máis concretos, a aprobación da proposta permitirá destinar 38.551,04 euros á adquisición e instalación dun servizo de cita previa no Concello e 9.500,10 euros á compra da aplicación informática de xestión para emerxencias.
Os fondos liberados proceden de sobrantes de actuacións dos exercinos 2016, 2017, 2018 e 2019 financiadas a través de operacións de préstamos a longo prazo, como das baixas nas obras en cemiterios municipais, no edificio do centro socio comunitario do Ramal e na Escola Infantil Municipal; do subministro de semáforos; de actuacións de eficiencia enerxética; da aplicación adquirida para a numeración de nichos; da adquisición de software e das terminais da Wi-Fi municipal; así como das partidas de acondicionamentos de casas de cultura, parques infantís e xardíns.

PUBLICIDADE