Virtua Tennis 4 sairá para PS3 compatible con Move e 3D

xoves, 19 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Cando parecía que as exclusividades das grandes franquías de third parties eran cousa do pasado, chega SEGA e anuncia que Virtua Tennis 4 será un título para PlayStation 3 adaptado para o seu uso co sistema de control de movemento PlayStation Move e compatible coa tecnoloxía 3D, que sairá á venda en 2011, e que promete a experiencia de tenis máis inmersiva e realista vista ata o momento.
O sistema de control de Virtua Tennis 4 non consistirá só en darlle á bola, senón que o propio ángulo da raqueta, a velocidade da bola e a forza do golpe influirán no xogo grazas á precisión de PlayStation Move, ao que se sumamos a visualización en 3D teremos un realismo impresionante que non podería conseguirse co resto de consolas actuais, aínda que dende SEGA non comentaron que este novo produto sexa exclusivo, de aí que non sorprendería que máis adiante lanzasen unha versión para Wii facendo uso do Wii MotionPlus ou incluso unha entrega para a Nintendo 3DS. De todos os xeitos, non parece probable que vaiamos ver o xogo na Xbox 360 facendo uso de Kinect.

PUBLICIDADE