Visit Coruña avanza en usabilidade coa súa nova web

xoves, 9 de febreiro do 2023 S. P.

Visit Coruña, o servizo turístico do Concello herculino, comezou o ano estreando nova web, con novidades importantes a nivel de contidos (máis información e máis seccións) e a nivel de uso (máis doada de empregar, máis visual e máis navegábel).
O novo sitio foi desprovisto de todo elemento que puidera interpoñerse entre o usuario e os contidos, que aparecen moi sintetizados para que poidamos ir directos ao miolo da cuestión: saber que ver e que facer na Coruña e preparar da mellor maneira posíbel a nosa viaxe. Tamén se inclúe unha axenda de actividades que será de utilidade se queremos ter unha experiencia cultural e mergullarnos máis de cheo na vida da cidade.
A web, presentada en galego, castelán e inglés, artéllase nas seguintes seccións: Que facer na Coruña? (monumentos, gastronomía; arte e cultura; moda, deseño e moito máis; deportes e saúde e rutas temáticas), Escapa á Coruña (en familia, coas amizades, en parella, con mascota, Camiño Inglés, turismo accesíbel) e Organiza a túa viaxe (como chegar?, como desprazarse?, aloxamento, consello, axenda de eventos e guías de viaxe e multimedia).

PUBLICIDADE