Vitae ábrenos a porta da calidade no desenvolvemento cun novo curso sobre Angular 5
martes, 17 de outubro do 2017
Vitae
Consultores, no seu camiño de poñernos ao tanto das tecnoloxías de
meirande potencial para o noso día a día, ten no seu programa
formativo deste outono unha actividade encamiñada a abrirnos novos
horizontes de desenvolvemento informático. Trátase da quinta
edición do Curso
Angular 5 con TypeScript e Observables, un obradoiro de 20 horas
previsto para os días 17, 18, 24 e 25 de novembro, na Coruña (Hotel
Attica 21) e en horario de 16.00 a 21.00 horas (venres) e de 9.00 a
14.00 (sábados). Que podemos atopar neste curso? Pois basicamente
introducirnos de cheo no que sería o esquema de traballo de
aplicacións (framework) JavaScript máis empregado e
prestixioso do mundo: Angular 5.
En
palabras de Vitae, “esta nova versión foi redeseñada e
reprogramada de arriba a abaixo, e o resultado é máis que un
framework, é unha plataforma de desenvolvemento de calidade
empresarial e capacidade de evolución sen precedentes”.
Entre
as características e principais vantaxes de Angular 5 atópanse as
seguintes: promove o emprego de TypeScript como linguaxe de partida,
ten vocación de saír do navegador (conquistando servidores,
escritores e teléfonos móbiles) e acompáñase de ferramentas de
desenvolvemento, probas e guías de programación. Ademais, ten ao
seu arredor, velando pola súa calidade, evolución e
dispoñibilidade, un ecosistema-comunidade internacional a gran
escala.
Segundo
nos conta Vitae, os obxectivos do curso pasan por axudarnos a
actualizar os nosos coñecementos para “estar á altura deste novo
reto”, amais de ensinarnos os fundamentos e achegarnos as claves
“para comezar a crear as aplicacións web do futuro”. Nun plano
máis detallado, coñeceremos as mellores estratexias de migración
ou convivencia con versións 1.x para optimizar o esforzo e o
rendemento das aplicacións migradas ou híbridas, facendo fincapé
en cal sería a mellor opción a elixir, mudar ou convivir segundo o
escenario de partida.
En
termos aínda máis concretos, desenvolveremos aplicacións
multiplataforma con Angular 5, empregaremos TypeScript, dominaremos o
novo renderizador deseñado para o máximo rendemento ou coñeceremos
a arquitectura de grandes aplicacións baseada en módulos que
agrupan compoñentes e inxección de servizos.
O
curso está especialmente dirixido a programadores de aplicacións
web e programadores de backend, aplicacións móbiles ou
deseñadores web. Segundo lembra Vitae, é necesario que os
participantes atesouren un coñecemento básico de JavaScript e HTML.
O
obradoiro terá unha duración de 20 horas e presentará un enfoque
eminentemente práctico.
O
formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática
con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de
proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día
de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae
Consultores.