Vitae achega entre entre setembro e outubro a nova edición do seu curso de auto coñecemento profesional

xoves, 25 de agosto do 2022 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, vai achegar neste punto de inflexión entre o verán e o outono a segunda edición do curso Auto Coñecemento do Perfil Profesional. Serán 15 horas de formación, a desenvolver os días 26 e 28 de setembro, e os días 3, 5 e 6 de outubro. O obxectivo do curso é subministrarnos recursos para exercer a nosa carreira profesional do mellor xeito posíbel, con completo coñecemento das nosas capacidades e con metodoloxías que nos axuden a xerar o mellor ambiente e as máximas eficacia, eficiencia e rendibilidade.
Segundo explican dende Vitae máis en detalle, “un dos problemas máis frecuentes en calquera carreira profesional é que non se nos capacita coas ferramentas psicolóxicas básicas para coñecernos a nós mesmos, pois ninguén nos formou para iso”. Neste senso, indican dende a consultora, o primeiro paso como profesionais e para traballar cun equipo ou lideralo é “o auto coñecemento, é dicir, coñecernos a nós mesmos facilitará a compresión do noso perfil profesional e dos perfís profesionais diferentes ao noso, o que mellorará a comunicación e a colaboración, xa que entenderanse as intencións e motivacións reais das persoas coas que traballamos, diminuíndo os conflitos debidos a unha incorrecta interpretación na comunicación cos compañeiros e compañeiras”.
En defintiva, no curso proporcionaranse as ferramentas para o auto coñecemento e ter unha perspectiva baseada na ciencia para orientar na elección dun camiño profesional e traballar en equipo.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE