Vitae achéganos a cuarta edición do seu curso sobre desenvolvemento seguro ante ciberataques

mércores, 19 de abril do 2023 S. P.

A ciberseguridade será, cada vez máis, un tema do que escoitaremos falar e que teremos que moi en conta para realizar o noso traballo. É máis: a especialización en protección de sistemas, tecnoloxías e información será un bo xeito de converternos en bos profesionais e de incrementar a nosa empregabilidade e a nosa excelencia profesional. Con todo, estamos a falar dun dos ámbitos tecnolóxicos que máis adestramento continuo e actualizado require, pola súa natureza e pola renovación constante, parella, daquilo contra o que nos enfrontamos: as ciberameazas. Vitae Consultores bótanos unha man nesta cuestión coa cuarta edición do curso Desenvolvemento seguro ante ciberataques.
Serán 24 horas de formación impartidas a través da aula virtual (con clases en directo) da consultora galega. Celebrarase os días 22, 23, 24, 25, 29, 30 e 31 de maio e o 1 de xuño, en horario de 16.30 a 19.30 horas.
Vitae ponnos en situación do seguinte xeito: “Trátase dun curso completamente práctico no que os alumnos poderán aprender, mediante exercicios e exemplos, como se producen as vulnerabilidades en aplicacións desenvolvidas en diversas linguaxes de programación. Ao longo dos módulos que compoñen a formación, explicarase en detalle cada un dos puntos, todo con exemplos doados de seguir e probar por medio do uso de máquinas virtuais”.
O curso está dirixido a profesionais que teñan coñecementos previos sobre desenvolvemento de software, sen importar a linguaxe ou a plataforma, xa que tanto as vulnerabilidades como as técnicas de detección e explotación que se mostran, teñen aplicabilidade en calquera tipo de aplicación web sen importar a linguaxe utilizada para a súa construción”.
Os contidos serán impartidos por Daniel Echeverri, enxeñeiro de Sistemas, mestrado en Software Libre e formador e investigador de seguridade informática e hacking. Coñecido co alcume dixital de Adastra, é un reputado relator de múltiples eventos de España e Latinoamérica. É autor do blog Thehackerway.com e dos libros Python para Pentesters, Hacking con Python e Deep web – Privacidad e anonimato en TOR, I2P e Freenet, publicados por OxWord, así como do libro 25 Técnicas aplicadas a campañas de Red Team e Hacking, autopublicado.
Na súa traxectoria profesional desempeñou dende hai máis de 18 anos actividades de desenvolvemento e arquitectura de software, administración de servidores, pentesting, hardening de sistemas e formacións tanto para organizacións públicas como privadas como Accenture, Ibermática, Plexus, BBVA, Policía Nacional, Exército de Terra, Renta4, Mutua Madrileña, INECO, etc.

PUBLICIDADE