Vivo presenta un smartphone con até 6 GB de RAM

martes, 1 de marzo do 2016 Marcus Fernández

As pantallas curvadas xa non son exclusiva dos smartphones de alta gama de Samsung, e ao Galaxy S6 Edge saíulle un curioso competidor en china, o novo Vivo Xplay5, que sería un dos poucos smartphones do mercado en poder presumir dunha pantalla curva en ambos lados, que non se conforma en destacar polo seu coidado deseño, senón que este tamén vén acompañado por unhas especificacións de luxo, que parten dunha configuración cun procesador de gama media (Qualcomm Snapdragon 652) con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno até chegar a unha Flagship Edition co procesador estrela da tempada (o Qualcomm Snapdragon 820), uns impresionantes 6 GB de RAM de alta velocidade (LPDDR4), 128 GB de almacenamento interno e procesadores de son de alta fidelidade.
Estes novos smartphones chegan cunha impresionante pantalla Super AMOLED de 5,43 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1440 píxeles, cámara traseira Sony IMX298 de 16 Mpíxeles con flash de dobre ton, cámara frontal de 8 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0 e batería de 3.600 mAh con carga rápida. Iso si, ten algunhas carencias, como funcionar con USB 2.0 sen conector tipo C, e cun sistema operativo (Funtouch OS 2.5.1) baseado en Android 5.1, polo que dá a impresión de que estamos ante un móbil do ano pasado.
O modelo básico do Vivo Xplay5 xa pode reservarse por 3.698 iuans (520 euros) e a súa versión máis completa poderase mercar máis adiante por 4.288 iuans (603 euros).

O deseño do Vivo Xplay5 lembra moito ao Samsung Galaxy S6 Edge

PUBLICIDADE