Vodafone España lanza para os seus clientes o smartphone de aventuras Land Rover Explore

venres, 24 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone España pon a disposición dos clientes o novo Land Rover Explore, un smartphone especialmente indicado para actividades de lecer, deportivas e de aventura. O dispositivo, que a operadora ofrece en exclusiva aos seus clientes, inclúe GPS, mapas topográficos de realidade aumentada e batería de longa duración, entre outras características que o converten nun axeitado acompañante das nosas andainas.
Ademais, salienta pola súa resistencia: é quen de resistir caídas de até 1,8 metros grazas ao protector de pantalla que leva de fábrica, e pode soportar mergullos (até en auga salgada), temperaturas extremas, choques térmicos, humidade e vibracións continuas e de intensidade.
Entre as principais características de Land Rover Explore atópase unha batería de 4000mAh que, segundo lembra Vodafone, fornece de dúas xornadas de uso intermitente ou un día completo de actividades co mapa de navegación GPS activado de continuo na pantalla HD de 5 polgadas. Ademais, a operadora tamén recorda que a duración da batería pódese duplicar de usarmos o accesorio Adventure Pack que vén incluído co teléfono (con este paquete tamén se pode substituír o uso dun dispositivo externo de GPS por unha antena de GPS integrada no teléfono que mellora a súa fiabilidade e precisión).
O dispositivo, que foi deseñado “en estreita colaboración” con Land Rover, incorpora elementos estéticos que fan referencia ao 4x4 Land Rover Discovery, incluíndo unha grella dianteira semellante e elementos que aluden aos diais interiores.
A empresa responsábel do seu desenvolvemento foi Bullitt Group, compañía tecnolóxica do Reino Unido e licenciataria a nivel mundial de Land Rover. Ao longo da súa breve pero intensa vida, o dispositivo deseñado por Bullitt foi obxecto de varios recoñecementos: gañou un premio na categoría Outdoor en ISPO e tamén o Best in Show de Trusted Reviews, Alphr.com e GadgetMatch no Mobile World Congress 2018, obtendo louvas diversas polo seu conxunto de características.
Jamie Ramsay, o coñecido atleta británico de Endurance Adventure, explicou deste xeito os porqués da súa idoneidade para actividades ao aire libre. “Estiven buscando un dispositivo que poida usar na contorna aire libre e que integre todas as características que preciso para levar a cabo as miñas actividades. A duración da batería é o Santo Graal cando estás nunha aventura. Queres un teléfono que dure sexa o que sexa que esteas a facer. O Explore non só integra unha potente batería senón tamén o Adventure Pack, que brinda capacidade de batería adicional. Iso é revolucionario para min: non ter que preocuparme por cargar sempre o meu teléfono”.
O smartphone Land Rover Explore atópase dispoñíbel en exclusiva nas tendas Vodafone e na súa tenda en liña por un prezo recomendado, IVE incluído, e co Adventure Pack, de 649 euros.

PUBLICIDADE