Vodafone incrementa a faceta smart do noso fogar co servizo Super WiFi

luns, 1 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Vodafone presentou hoxe un interesante servizo para a nosa casa ou espazo de traballo. Trátase de Vodafone Super WiFi, un complemento da operadora ao concepto de fogar dixital que, ademais, pon un extra de conectividade intelixente. O resultado: mellórase con tecnoloxías sen fíos e recursos smart (máis cobertura, velocidade e marxe de control) a actividade dos dispositivos conectados á fibra de Vodafone One e, en última instancia, a experiencia dos usuarios.
Polo que respecta á cobertura dos obxectos conectados, ponse en xogo a posibilidade de integrar e dinamizar todas as estancias, isto faise mediante extensores intelixentes que crean unha rede Mesh (rede mallada), así como optimizando o sinal en cada unha delas. O compoñente smart vén dado pola capacidade do sistema de verificar as necesidades de cada dispositivo conectado, fornecendo da máxima calidade de conexión (de maneira automática e transparente) aos obxectos que máis demanden. Entre as características de Super WiFi tamén se inclúe a capacidade de aprender: o sistema é quen de sumar coñecemento e proporcionar a mellor conexión adaptándose, tamén, a cambios externos e internos dentro da casa.
Segundo explica Vodafone, a tecnoloxía resultante é unha tecnoloxía que precisa do mínimo da nosa parte para traballar optimizada. De feito, xestiónase dende a nube, conectando ao router de banda larga de Vodafone o extensor “dispositivo amplificador”, unha conexión sinxela e continua.
O servizo baséase na instalación, personalizada por un técnico de Vodafone, de extensores de altas prestacións, cun software integrado que dota a aqueles de intelixencia “para garantir a mellor experiencia Wi-Fi”. A maiores, o servizo disporá dunha aplicación móbil que permitirá aos clientes xestionar a rede sen fíos do seu fogar para dar acceso a convidados, facer seguimento de todos os dispositivos conectados no fogar ou realizar probas de velocidade.
Vodafone Super WiFi está dispoñíbel dende o 15 de abril para usuarios particulares, autónomos e pequenas empresas con paquetes de fibra. O servizo inclúe a instalación personalizada dun máximo de 2 extensores Wi-Fi intelixentes (en función do tipo de fogar e compatibilidade do servizo co router principal). Para clientes con paquetes de fibra con velocidade de 1Gbps, o custo do servizo será gratuíto e os que teñan outros plans poderán gozalo por 6 euros ao mes. Aquelas persoas que teñan necesidades adicionais polo deseño específico do seu fogar poderán personalizar o seu servizo ampliándoo coa instalación de máis extensores sen fíos intelixentes por 3 euros ao mes por extensor adicional.

PUBLICIDADE