Vodafone trae a España o BlackBerry Q5

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Durante a BlackBerry Live de Orlando presentouse un novo integrante da familia de móbiles con BlackBerry 10, que en contraste co Z10 e o Q10, busca chegar a un maior público ao ser un terminal máis económico, o BlackBerry Q5, que finalmente chega a España como un atractivo dispositivo con teclado QWERTY e pantalla táctil de 3,1 polgadas que esta mesma semana chega ao catálogo para profesionais de Vodafone.
O novo smartphone de BlackBerry poderase adquirir inicialmente en cor negra ou branca (está previsto que o móbil tamén conte con versión en cor rosa e vermello, para atraer a un público máis amplo) e terá un custo de 0 euros para os que contraten o plan Base3.
Aínda que en formato poida parecer moi semellante ao BlackBerry Q10, o BlackBerry Q5 ten un prezo moi inferior (o Q10 libre custa uns 649 euros, mentres que o Q5 anda no contorno dos 399 euros) polo que podería converterse facilmente no dispositivo con BlackBerry 10 de maior penetración no mercado.
No que respecta a prestacións, a diferencia entre ambos móbiles son bastante cativas, tendo o Q5 unha cámara de menos resolución (baixa de 8 a 5 Mpíxeles), un procesador un pouco máis lento (de 1,5 a 1,2 GHz) e un almacenamento interno inferior (pasa de 16 a 8 Gb), perdendo tamén saída micro HDMI, polo que parece que consegue manter a experiencia de uso do seu irmán maior (co que comparte pantalla, RAM e capacidade da súa batería), reducindo só lixeiramente as súas especificacións.

PUBLICIDADE