Vodafone trae a España o Samsung Galaxy S10 5G

xoves, 18 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O smartphone que segundo DxOMark conta coas mellores cámaras do mercado, o Samsung Galaxy S10 5G, chega finalmente a España para poder tirar proveito da rede 5G que está a explotar comercialmente Vodafone nalgunhas cidades entre as que figuran as galegas Vigo e A Coruña.
Este móbil non só sería o terminal insignia de Samsung máis avanzado en conectividade, como ben indica o seu nome, senón que tamén ten magníficas prestacións en todos os demais apartados, cunha pantalla Dynamic AMOLED de 6,7 polgadas (compatible con HDR10+), seis cámaras (incluíndo unha cámara de profundidade 3D) e incluso a batería de maior capacidade da súa gama (4.500 mAh) que incluso soporta carga rápida a 25 watts.
Sen dúbida, un smartphone de elevadísimas prestacións, que busca así poder tirar un maior proveito das altas velocidades que conseguen as redes 5G que, aínda que estean lonxe de ser unha realidade no noso día a día, comezan a explotarse comercialmente, polo que precisan de smartphones compatibles para iniciar o seu uso.
Vodafone comercializa o Samsung Galaxy S10 5G con 256 GB de capacidade de almacenamento a un prezo de entre 1.079,63 e 1.296 euros ao contado, facilitando tamén a súa compra a prazos.

PUBLICIDADE