Vodafone trae en exclusiva a España o Nokia Lumia 920

luns, 14 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Tras unha longa espera chega hoxe ao mercado español o agardado produto estrela de Nokia, o smartphone Nokia Lumia 920, que pode adquirirse en exclusiva a través de Vodafone ou como terminal libre, polo que o desembarco da primeira vaga de móbiles con Windows Phone 8 supera o seu ecuador (o Lumia 820 e o HTC 8X chegaron en decembro, e esta mesma semana debería chegar o HTC 8S, mentres que o Samsung ATIV S non ten programada a súa chegada a España).
Este excelente móbil de Nokia está a ter moi boas vendas en varios países nos que están a ter problemas de abastecemento constante, aínda que tamén podemos comentar que as ofertas coas que chega ao público son máis atractivas que as de Vodafone en España, que para os que desexen adquirilo con alta ou portabilidade sen compromiso de permanencia ofrécelo a un prezo de 593 euros (lembremos que o prezo de mercado é de 679 euros) podendo adquirirse tamén con compromiso de permanencia, de xeito que sairía de balde a partir dunha portabilidade, renove ou migración a unha tarifa RED de 51 euros/mes + IVE.
O Nokia Lumia 920 destaca por ser o mellor móbil co novo sistema operativo de Microsoft, cunha impresionante pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, grande luminosidade e a posibilidade de empregala con luvas, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, a mellor cámara de móbil que pode verse na actualizade (por gozar de estabilización óptica de imaxe) e con tecnoloxías emerxentes como o NFC e a carga sen fíos mediante o estándar Qi.

O Nokia Lumia 920 é un dos mellores smartphones do mercado, e claro buque insignia de Windows Phone 8

PUBLICIDADE