WD amosa o prototipo de disco duro híbrido de 4TB “máis rápido do mundo”

luns, 12 de xaneiro do 2015 Redacción

A compañía Western Digital vén de informar dun novo récord de seu en materia de desenvolvemento tecnolóxico propio. Máis polo miúdo, o novo tope de prestacións veu acadado polo seu último prototipo de disco duro híbrido de 4 TB, que segundo informa a empresa tecnolóxica acadou unha puntuación de referencia próxima aos discos SSD, que é como se coñece ás unidades de estado sólido (SSD é o acrónimo en inglés de Solid-State Drive) e son dispositivos con moito menor tempo de latencia e de acceso que os discos duros tradicionais.
Volvendo ao híbrido que presenta Western Digital, dicir que presenta 3,5 polgadas e até 128 GB de almacenamento no disco sólido, empregando unha interface SATA Express PCI-e. En palabras de WD, é o prototipo de disco duro híbrido de 4 TB máis rápido do mundo.
O dispositivo, sinala a compañía, foi probado xunto a socios e usuarios de primeiro nivel de WD, como Gigabyte ou ASRock, “para ofrecer a máxima potencia para equipos de sobremesa e aplicacións de xogo, ao mellor custo por GB”. O prototipo, que amosa “un rendemento líder tanto en puntuacións de referencia como en experiencia de xogo”, deuse a coñecer na feira CES, onde segundo lembra WD, amosou moi bo rendemento en contornas que requiren un uso de escritorio pesado, “ao permitir que os datos se conserven quentes, algo clave cando se trata de múltiples aplicacións e que mellora o rendemento xeral”. Nos laboratorios de WD, o disco duro SATA Express de 4 TB con 64 GB de caché logrou unha puntuación de referencia PCMark8 de 4459, “o que demostra un rendemento próximo ao SSD cun valor optimizado de GB por dólar”.

PUBLICIDADE