WH-1000XM5, os novos auriculares con cancelación de ruído de Sony

xoves, 12 de maio do 2022 Marcus Fernández

Os auriculares de diadema sen fíos do mercado de referencia son os de Sony, que renóvanse cada dous anos, mellorando a súa tecnoloxía, normalmente mellorando a cancelación de ruído e a calidade de reprodución musical, pero cos Sony WH-1000XM5 temos finalmente un cambio de deseño e, por desgraza, un incremento de prezo, xa que os novos auriculares saen á venda por 450 euros (cando os anteriores modelos chegaron ao mercado a 380 euros).
Os auriculares WH-1000XM5 aspiran a convertese unha vez máis en referentes no mercado, especialmente pola súa mellora na cancelación de ruído, que agora conta con 2 procesadores que controlan 8 micrófonos que reducen o ruído de forma drástica, especialmente no rango de alta e media frecuencia. Tamén contan cunha función de optimización da cancelación de ruído en función do contorno.
Estes auriculares conta con drivers de 30 mm. dentro dunha cúpula lixeira e ríxida, que utiliza un material composto de fibra de carbono que mellora a sensibilidade das frecuencias altas para unha calidade sonora máis natural. A calidade sonora tamén se garante ao soportar audio de alta resolcuión con ou sen cables, para o que contan con soporte de LDAC, empregando DSEE Extreme para restaurar as altas frecuencias da música, que mellora a música en tempo real, permitindo apreciar os detalles máis finos das pistas musicais.
Os WH-1000XM5 presentan un deseño diferente ao dos seus modelos predecesores, no que Sony considera unha evolución da gama. Teñen un acabado en pel suave e cun deslizador sen escalas. Conseguen un axuste suave, que se adapta perfectamente á cabeza, eliminando a presión sobre as orellas e bloqueando o ruído externo, para poder utilizalos todo o día sen molestias.
Aparte do hardware, estes auriculares tamén teñen funcionalidades moi interesantes, como Quick Access (que permite reanudar a reprodución de Spotify con 2 ou 3 toques sen ter que tocar o smartphone), Hablar por chat (que para automaticamente a música e activa o son ambiental para permitir manter unha conversa sen quitar os auriculares, retomando a reprodución ao rematar a conversa), compatibilidade co Asistente de Google e Alexa, emparellamento rápido con dispositivos Android e Windows e a posibilidade de conectarse a varios dispositivos á vez.
Os auriculares teñen unha autonomía de 30 horas, podendo conseguir até 3 horas de autonomía con só 3 minutos de carga. Tamén inclúen unha bolsa de transporte que pode encartarse para aforrar espazo cando non se usa.

Vídeo de presentación dos novos auriculares WH-1000XM5

PUBLICIDADE