Walmart filtra os auriculares Sony WH-1000XM4

xoves, 4 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Durante os últimos dous anos os grandes referentes entre os auriculares de diadema con cancelación de ruído activa tivemos os Sony WH-1000XM3, e a páxina web de Walmart deu a entender que en breve teremos unha actualización deste produto, xa que lista os auriculares Sony WH-1000XM4, incluíndo unha descrición detallada dos mesmos, adiantándose á presentación.
Estes novos auriculares manteñen as prestacións dos seus predecesores, contando tamén con conexións multipunto (ou sexa, que poden emparellarse con 2 dispositivos Bluetooth á vez), así como unha función de Smart Talking (que detecta voces para activar automaticamente o modo ambiente para poder escoitar conversas sen ter que quitar os auriculares).
No que se refire á calidade sonora, os WH-1000XM4 soportarán o codec LDAC, serán compatibles con audio en alta resolución e tamén contan con tecnoloxía DSEE Extreme e diafragmas LCP, con seguindo así un son de grande calidade. Prometen unha autonomía de até 30 horas cunha única carga, e tamén contan con carga rápida para poder gozar de até 5 horas de reprodución con só 10 minutos de carga.
Polo momento non temos data de lanzamento destes auriculares, pero si un prezo de 348 dólares, polo que en España poderían manter o prezo de lanzamento dos XM3 (380 euros).

PUBLICIDADE