Warcraft celebra os seus 30 anos cunha remasterización

mércores, 13 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Para celebrar o 30º aniversario de Warcraft: Orcs and Humans dende Blizzard organizaron unha retransmisión en directo dende a que realizar unha chea de anuncios que aproveitan esta conmemoración, entre os que cómpre salientar a renovación das primeiras entregas da franquía a xeito de homenaxe.
Temos así que xa podemos adquirir as versións remasterizadas de Warcraft I e Warcraft II a prezos de 9,99 e 14,99 euros respectivamente, así como tamén Warcraft III: Reforged conta cunha nova actualización principal (Reforged 2.0) con melloras nos gráficos, funcionalidades e características da interface melloradas.
Warcraft I e Warcrat II reciben melloras gráficas e de interface en forma de descricións e barras de saúde, unha pantalla de selección de misión e unha maior selección de unidades, pero manteñen a súa estética clásica, deixando nas mans do xogador se gozar do xogo con gráficos pixelados ou redebuxados para pantallas en alta definición. O sistema de control tamén permite agora empregar o clic dereito para o movemento e a selección de múltiples unidades mediante un cadro, amais de aumentar a velocidade do xogo.
Estamos ante xogos que xa teñen bastante tempo, e que agora ofrecen a posibilidade de rememorarse (e incluso de adquirirse en grupo nun lote que ten un prezo de 39,99 euros) para celebrar estas tres décadas dunha franquía que conseguiu manter o seu pulo abríndose ao xogo en rede e incluso a xéneros diferentes (como os naipes de Hearthstone e a acción de Warcraft Rumble).

Warcraft: Orcs and Humans celebra o seu 30º aniversario