Western Digital distribuirá películas en UHD nos seus discos duros externos

martes, 4 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A distribución de material en ultra alta definición para os novos televisores está a ser todo un reto, coa meirande parte dos servizos de vídeo baixo demanda aínda non preparados e con soportes físicos sen establecer (os reprodutores de Blu-ray UHD aínda non están no mercado) e para atender a esta demanda, Western Digital achega a súa nova unidade de disco externa My Passport Cinema, que distribuirase con contidos precargados en ultra alta definición e HDR que fagan uso da tecnoloxía VIDITY coma os televisores Samsung SUHD.
O concepto non é novo, e consiste en distribuír películas en soporte físico, pero que veñan desactivadas, de xeito que haberá que mercalas para poder velas en calquera dispositivo compatible con VIDITY (como as familias de televisores JU e JS de Samsung) facilitando así material de calidade tal que aproveite os novos televisores. De feito, para que esta iniciativa comece con certo pulo, Samsung incluirá unha unidade My Passport Cinema coa compra de televisores JS9000, JS9100 e JS9500 a partires do 16 de agosto. A unidade incluiría versións das películas El Corredor del Laberinto, Exodus: Dioses y reyes, X-Men Días del Futuro Pasado, Lobezno inmortal, El amanecer del planeta de los simios, Bajo la misma estrella, Vamos de polis e No hay dos sin tres.
Adicionalmente as unidades My Passport Cinema con películas en ultra alta definición saen hoxe á venda nos EE.UU. no seu modelo con 1 TB de capacidade a un prezo de 89,99 dólares (82,83 euros)

PUBLICIDADE