Western Digital lanza as súas primeiras unidades SSD

martes, 11 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Finalmente Western Digital entra no mercado das unidades SSD dirixidas ao mercado de consumo, e anuncia as súas novas unidades WD Blue e WD Green, unidades SSD SATA que buscan completar o catálogo de discos duros da compañía coa tecnoloxía chamada a sucedelos e buscando, en boa medida, que os propietarios de ordenadores persoais opten por actualizar os seus equipos actuais cunha destas novas unidades para así dar unha segunda vida aos seus PC grazas á considerable mellora do seu desempeño.
As unidades SSD WD Blue buscan un oco en ordenadores portátiles e de escritorio en capacidades de 250 GB, 500 GB e 1 TB, tanto en formato de 2,5 polgadas ou M.2, conseguindo velocidades de 545 e 525 MB/segundo de lectura e escritura secuencial respectivamente. Están xa á venda a prezos de 99, 169 e 339 euros nos seus modelos de 2,5 polgadas de 250 GB, 500 GB e 1 TB, mentres que as versións en formato M.2 incrementan o seu prezo en 10 euros.
Pola súa banda as unidades SSD WD Green apuntan máis ao uso diario, buscando ser máis asumibles. Sairán á venda a finais de ano en capacidades de 120 GB e 240 GB en formato de 2,5 polgadas e M.2, e presentarán unha velocidade de lectura e escritura secuencia de 540 e 405 MB/segundo respectivamente.

As novas unidades SSD chegan en formato M.2 e de 2,5 polgadas

PUBLICIDADE