WhatsApp chega aos 430 millóns de usuarios activos

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Gráfico co que Statista ilustra o crecemento de WhatsApp

Que WhatsApp é un servizo móbil de uso masivo nos países desenvolvidos nos que a banda larga móbil é accesible para a poboación é algo que a poucos pode escapárselle, pero pór en cifras esta percepción é algo que non resulta tan doado de facer, e a consultora Statista quixo ilustrarnos sobre o tema facendo públicos datos sobre o número de usuarios activos de WhatsApp e o volume de mensaxes intercambiadas polos seus usuarios, constatando que en menos dun ano o servizo dobrou ambos parámetros.
Esta semana, Jan Koum, director xeral e co fundador de WhatsApp foi o que fixo públicas as actuais cifras da súa compañía, que tería actualmente 430 millóns de usuarios activos, e dado que sabiamos que o pasado abril tal cantidade era de 200 millóns de usuarios, queda claro que o espallamento desta plataforma de comunicación está aínda moi lonxe de frear, converténdose nun fenómeno que está eclipsando ás mensaxes de texto dende o móbil.
E aínda que nos últimos meses houbo reticencias por parte dalgúns usuarios polo feito de que a aplicación móbil comezou a cobrar anualmente polo seu uso, o feito de que agora mova 50.000 millóns de mensaxes ao día deixa claro que tal servizo non pode ser de balde sen incluír publicidade ou cobrar algún tipo de cota, especialmente se temos en conta que entre estas mensaxes hai centos de millóns de imaxes cada día, superando por moito a servizos que serven especificamente para compartir fotografías dende o móbil (como Instagram, que move uns 55 millóns de fotografías ao día).

PUBLICIDADE