WidowPC vende portátiles adaptados ós videoxogos máis esixentes

xoves, 23 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A popularidade dos ordenadores portátiles fronte os sobremesa é indiscutible, pero un tipo de usuarios o teñen complicado para atopar nun portátil un equipo axeitado: os afeccionados ós videoxogos.
Así, WidowPC ofrece a este tipo de consumidores portátiles Sting 517D, que teñen unhas prestacións máis que suficientes como para sacarlle rendemento cos últimos xogos do mercado, xa que contan cunha pantalla de 17 polgadas e se poden configurar con procesadores Intel Core 2 Duo de entre 1,66 e 2,33 GHz.
Ademais, os Sting 517D contan cunha tarxeta de vídeo GeForce Go 7950 con 512 Mb de memoria, incorporan discos duros de ata 200 Gb, levan gravador de DVD de dobre capa, poden configurarse con ata 4 Gb de memoria RAM e integran Wi-Fi, Bluetooth, sintonizador de televisión e un lector de tarxetas Flash 4-en-1.
O equipo tamén inclúe porto FireWire, conexión por infravermellos, porto serie, fenda ExpressCard, saídas DVI e S-Video, entrada S-Video, entradas e saídas de audio, módem, conexión a gigabit Ethernet e 4 portos USB 2.0.
Estes impresionantes equipos se venden nos EE.UU. a menos de 2.200 dólares (1.699 euros) o que resulta un prezo moi axustado para un equipo cunhas prestacións elevadísimas.

PUBLICIDADE