Wikipad, un tablet para xogar

martes, 31 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Coller un tablet con Android 4.1 e dotalo de controis físicos é unha solución para o xogo electrónico que quere materializarse no Wikipad, que polo que agora sabemos será un tablet con pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, cun grosor de 8,6 milímetros e un peso de 560 gramos, de xeito que sería un dos tablets con pantalla de 10 polgadas máis lixeiro e delgado do mercado. En potencia tampouco quedará curto cun procesador de catro núcleos nVIDIA Tegra 3 a 1,4 GHz, 1 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, que coa súa batería de 23,46 Wh permitiría xogar 6 horas seguidas ou reproducir vídeo durante 8 horas.
A este tablet pode incorporárselle un accesorio que engade botóns de disparo, cruceta e sticks analóxicos aos lados, conseguindo así unha experiencia de uso podería achegarse á do controlador que incluirá a Wii U.
O Wikipad tamén incorporará cámaras de 8 e 2 Mpíxeles e, aínda que inicialmente incluirá unha pantalla normal, espérase que en futuras revisións incorpore pantalla 3D. Inicialmente tamén estaba previsto que co Wikipad puidese accederse ao servizo de xogo na nube de Gaikai, pero agora iso é toda unha incógnita despois da compra da compañía por parte de Sony.

PUBLICIDADE