Xa hai data para probar o iPhone: o 11 de xuño, día de apertura da WWDC

mércores, 4 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O iPhone, ese aparello que semella destinado a cambiar para sempre a feitura e o fondo do teléfono móbil, senón tamén o noso xeito de achegármonos a el (evidentemente, con máis tento que cun aparello convencional, aínda que só sexa polo que vai custar), vaise deixar tocar en breve, segundo avanza a casa fabricante Apple, que anda a dosificar os datos sobre o trebello coma un cativo repugnante a súa prezada colección de estampiñas no patio do colexio. Ou sexa, xa hai data oficial para que os seareiros dos gadgets idolatremos o iPhone con máis ou menos moderación: o primeiro día da WorldWide Developers Conference (WWDC), máis concretamente o 11 de xuño. En realidade, isto non soluciona case nada a moitos dos que devecen por probar o trebello, xa que terían que cruzar o Atlántico para probalo, e iso se os deseñadores, usuarios e seareiros de produtos da casa Apple alí reunidos (na cidade de San Francisco) llelo permiten.
Cómpre lembrar que o iPhone xa foi presentado en sociedade hai uns meses, pero foron moi poucos os “elixidos” que puideron fozar nel. A idea é que na feira devandita estea ó alcance da man de tódolos asistentes, feito que vai provocar (sen dúbida) o incremento sen conto de mans devecendo por probalo. O iPhone, como dicíamos hai unhas semanas nesta mesma web, é un aparello que dificilmente se pode cualificar de “móbil”. É dicir: é máis ca iso. É algo así coma o “todo en un” da comunicación.
Trátase dun dispositivo máis fino có iPod, con cámara dixital, vídeo e televisión, capacidade de computador portátil e teléfono incorporado, ademais dunha infinita listaxe de características que o converten nunha verdadeira peza de coleccionista (un tanto friki, pero de luxo). O iPhone integra un reprodutor multimedia, un móbil e un computador portátil nun só dispositivo que colle na palma da man e que, segundo os seus creadores, vai revolucionar o sector nos vindeiros anos.
Como non podería ser doutro xeito (senón, non sería unha novidade mundial que é quen de deixar coa boca aberta ós internautas máis esixentes), o iPhone dispón de conexións Wi-Fi e Bluetooth así como de acceso a Internet mediante un navegador Safari co que se lle pode sacar punta a utilidades comúns da web, como instalar diversos widgets ou empregar o correo electrónico.

PUBLICIDADE