Xa pode reservarse o primeiro móbil español con Android

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

En xuño presentábase o Geeks’Phone ONE coma o primeiro móbil español en funcionar co sistema operativo Android, e a primeiros de mes soubemos que estaban a revisar as súas especificacións para conseguir axustar o seu prezo, e agora abren na súa páxina web a posibilidade de reservar o interesante terminal, que venderase libre por 285 euros, para o que haberá que facer un depósito de 22 euros, o que garante facerse cun dos primeiros móbiles que porán á venda en decembro (cunha produción bastante limitada).
O Geeks’Phone ONE será un móbil con teclado físico deslizante, pantalla resistiva de 3,2 polgadas, 3G, A-GPS, Wi-Fi, acelerómetro, cámara de 3,1 Mpíxeles con enfoque automático (e outra cámara secundaria de 0,3 Mpíxeles), conexión para auriculares estándar, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb, unhas medidas de 110 x 55 x 15 milímetros e un peso de 123 gramos.
Dado que este dispositivo busca ser totalmente libre, non inclúe por defecto aplicacións de Google, aínda que si contará con alternativas gratuítas ao sistema de sincronización de Google.

PUBLICIDADE