Xandre: un conto en liña galego, adaptable e accesible

luns, 8 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Rede non sempre é unha Rede. Ás veces, cando se impón sobre calquera outra cousa o peso do estritamente dirixido á maioría, aparéceselle ás minorías coma o seu contrario: unha estrada sen acceso nin saída. Isto non é aplicable á web galega da que imos falar de contado, unha páxina posta en marcha polo grupo TADEGA e que se sitúa a medio camiño entre un conto virtual e un foro de experiencias arredor dese conto e da accesibilidade dixital mesma. Falamos da proposta Contos de Xandre, un sitio en liña que baixo o epígrafe Xandre, o elefante sen sombra diríxese a pór de manifesto entre a comunidade internauta a seguinte realidade: non todos os seus usuarios están na mesma disposición para facer uso igualitario dos seus servizos, propostas e equipamentos. Porén, e para que se entenda, os Contos de Xandre si que o está, de aí que todo o que aparece nela, o conto en si mesmo, sexa cen por cen adaptado e accesible para nenas e nenos con diversidade funcional. De feito, dispón de braille, lingua de sinais, pictogramas, audios, vídeos e outras canles e formatos.
A web, que como dixemos inclúe o miolo dun relato (o do elefante Xandre) e unha relación ben completa das experiencias e das reaccións xurdidas ao seu abeiro, tamén achega recursos didácticos e pedagóxicos desenvolvidos nos fogares e nas escolas a través do seu emprego. Segundo nos conta o equipo de TADEGA, responsable da páxina web, trátase dun conto aberto a diferentes variacións segundo as características do usuario, o que significa que está feito de maneira que poida ser usado por calquera persoa con independencia das capacidades ou discapacidades que lle afecten. A proposta xira arredor de Xandre, un elefante que non dispón de sombra por ter nacido distinto (conta con trompa na cabeza e non a cariña como os demais) pero que goza da sorte de ter unha nai que mira por el e que procura por todas partes (até na Web) unha solución para o seu fillo, non a restitución da trompa, senón da sombra que debería ter como todos os demais seres vivos. “Hai un paralelismo vivo entre esta historia e milleiros de historias de persoas con diversidade funcional, das súas familias e das súa comunidades educativas”, coméntanos Xoán Fernández, da asociación responsable deste desenvolvemento.
Por certo que está previsto que o conto, que polo de agora só pode ser visitado virtualmente (a través do computador), dispoña en breve dun emprazamento non dixital, en papel. Así nolo contan os seus responsables: “Andamos á procura dunha editorial que se entusiasme co proxecto e queira convertelo en libro, reto nada doado polas esixencias da accesibilidade, pois tería que ir en braille ademais de en tinta, e posiblemente algo máis”. A idea, con este novo reto, é conseguir que a mensaxe de redes no discriminatorias cale o máis fondo posible, preparando a porta de entrada ás mesmas e espallando a mensaxe en todo o que foi previo á creación das mesmas.

PUBLICIDADE