Xapón contará en exclusiva con smartphones de Star Wars

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

De cando en vez comercialízanse nos mercados asiáticos smartphones con estéticas inspiradas en franquías cinematográficas que non chegamos a ver en Europa, e ao Samsung Galaxy S6 de Iron Man súmanse como obxectos de desexo fóra do noso alcance un par de smartphones de Star Wars que SoftBank distribúe en exclusiva no Xapón.
Estamos ante teléfonos da marca Sharp que aproveitan a estrea de Rogue One: Una Historia de Star Wars para vestirse do Lado Escuro e do Lado Luminoso da Forza, de xeito que están dispoñibles en 2 combinacións de cores (azul/branco e vermello/negro) á vez que tamén presentan os logotipos da Alianza Rebelde ou do Imperio na súa parte traseira.
En prestacións son bastante completos, cun procesador Qualcomm Snapdragon 820, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento ampliable ediante microSD, pantalla Full HD de 5,3 polgadas, cámara traseira de 22,6 Mpíxeles, sintonizador de televisión e protección contra auga (IP58). Funcionan con Android 6.0 e inclúen fondos de pantalla acordes coa súa estética (o modelo do Lado Escuro presenta un X-Wing, mentres que o modelo do Lado Luminoso ten un TIE Fighter).
Estes teléfonos sairán á venda o vindeiro venres a un prezo de 97.920 iens (820,90 euros), o que claramente é un prezo elevado, polo que enténdese que é un obxecto que non terá só a súa dispoñibilidade xeográfica reducida como atranco para a súa compra.

Os teléfonos de Star Wars teñen unhas cores bastante rechamantes

PUBLICIDADE