Xiaomi lanza un smartwatch para cativos a un prezo sumamente reducido

luns, 14 de maio do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os smartwatches que chegaron ao mercado dirixidos aos nenos, buscando principalmente a tranquilidade dos seus pais á hora de telos localizados a unha idade na que aínda son demasiado cativos para ter smartphone, pero poucos dispositivos resultan tan atractivos como o que está a comercializar Xiaomi, xa que o seu prezo é de só 199 iuans (26 euros), prezo moi inferior a outros produtos semellantes que lanzaron no pasado (como o Mi Bunny Kids Watch, que custaba 299 iuans), conseguindo así achegarse a novos rangos de consumidores.
O Mi Bunny Children Phone Watch 2C é un smartwatch infantil con pantalla PMOLED de forma circular, correa de silicona en cor azul ceo ou laranxa e un peso de só 37,8 gramos, no que pode introducirse unha tarxeta nano-SIM para efectuar chamadas a algúns dos 10 números incluídos na súa axenda (podendo tamén activarse que só poida recibir chamadas deses números). No caso de perigo o cativo que leve o reloxo pode premer de xeito prolongado un botón, o que fará que se remita a súa posición (xa que integra GPS) e 7 segundos de son ambiental aos seus proxenitores.
Este smartwatch tamén inclúe Wi-Fi, sensores de movemento, podómetro e función de balizas de seguridade (ou sexa, que pode lanzarse unha alerta se o pequeno abandona unha localización determinada). A xestión do dispositivo pode facerse mediante unha aplicación móbil. A súa batería cárgase nunhas 3 horas e ofrece unha autonomía de até 5 días en repouso.

PUBLICIDADE