Xiaomi comercializa un rato portátil con dobre conectividade sen fíos

luns, 7 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O Mi Mouse véndese en dúas cores distintas

Dende Xiaomi non se conforman con imitar aos portátiles de Apple, senón que agora tamén teñen a súa propia alternativa aos ratos informáticos da compañía da mazá, o Mi Mouse, un rato informático sen fíos e portátil que venden a só 99 iuans (13,20 euros) e que chama poderosamente a atención non só polo seu deseño, senón tamén por contar con dobre conectividade, xa que tanto pode empregarse en dispositivos con Bluetooth ou empregando un adaptador USB sen fíos.
Este novo rato ten unha aparencia moi semellante á dos dispositivos de Apple (concretamente ao Magic Mouse 2), presentando carcasa de aluminio en cor prato ou ouro, pero optando por unha rosca de desprazamento física (polo que tecnicamente estaría moi lonxe da tecnoloxía táctil do accesorio de Apple). Aliméntase con 2 baterías AA, mide 110,2 x 57,2 x 23,6 milímetros, pesa 77,5 gramos e podería converterse en todo un éxito de vendas entre usuarios que buscan un rato para levar que sexa compacto, barato e teña unha estética que encaixe ben cos equipos portátiles actuais (nos que os acabados metálicos teñen bastante presenza).

O Mi Mouse ten un acabado en aluminio que busca casar ben con moitos equipos informáticos actuais (como os portátiles de Xiaomi ou os de Apple)
O Mi Mouse é bastante compacto para facilitar o seu transporte

PUBLICIDADE