Xiaomi demostra que está preparada para o 5G

venres, 7 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Qualcomm anunciou que o seu procesador Snapdragon 855 abrirá as portas do 5G aos móbiles, polo que é de esperar que en febreiro moitos fabricantes desvelen no marco do Mobile World Congress de Barcelona os seus novos smartphones insignia coa vista posta na nova xeración de telefonía móbil, pero Xiaomi non quixo esperar, e xa está a realizar demostracións da versión 5G do seu Mi MIX 3, que será un dos primeiros móbiles en integrar o procesador Snapdragon 855 co modem 5G X50, de xeito que poderá conseguir velocidades de descarga de até 2 Gbps.
Xiaomi está a demostrar as velocidades de navegación web e de streaming de vídeo en directo que permitirán as futuras redes 5G, constatando que as impresas chinesas tamén poden estar na vangarda da innovación. Dende Xiaomi levan traballando no desenvolvemento do 5G dende primeiros de 2016, para o que colaboran con distintas compañías de telecomunicacións, e agora confirman que no primeiro trimestre de 2019 participarán na experiencia de 5G pre-comercial de China Mobile (a fase comercial está prevista para o terceiro trimestre do ano), á vez que tamén estrearán a versión 5G do Mi MIX 3 en Europa.

PUBLICIDADE