Xiaomi estrea unha webcam de 4K con micrófono e altofalante

xoves, 10 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi vén de pór á venda en China a un prezo de 1.999 iuans (257 euros) unha curiosa cámara para videoconferencias que ten un formato moi semellante a unha barra de son, xa que integra tanto micrófonos como altofalantes, de xeito que é unha boa solución para a realización de videoconferencias de alta calidade.
Esta nova cámara 4K cun ángulo de visión de 120 graos funciona por USB-C (inclúe adaptador a USB-A) e integra 6 micrófonos e altofalantes con 10 watts de potencia, e conta tamén cun micrófono secundario (de uso opcional) que pode colocarse no medio da mesa para captar mellor ás persoas que participan nunha videoconferencia.
O dispositivo está deseñado para poder colocarse sobre unha mesa, poder instalarse nunha parede ou sobre unha pantalla e mesmo colocarse sobre un trípode, e ao estarmos ante un trebello plug and play, pode conectarse directamente a calquera equipo informático, sendo compatible coas aplicacións de videoconferencia máis populares.
Resulta bastante curioso ver como chegan ao mercado produtos deste tipo, principalmente por apostar por unha resolución de vídeo tan elevada, dando a entender que a emerxencia das videoconferencias durante o confinamento elevou as esixencias do mercado profesional, que busca conseguir experiencias de calidade á hora de establecer comunicacións a distancia.

A cámara pode instalarse de distintos xeitos.

PUBLICIDADE