Xiaomi lanza o seu propio Intel NUC

mércores, 14 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Tras filtrarse que Xiaomi estaba a preparar un equipo informático cun formato reducido como os Mac mini ou os Intel NUC, e finalmente ve a luz o Xiaomi Computer Mini, que curiosamente é unha versión personalizada dun Intel NUC, aínda que cun prezo moito máis axustado, xa que a súa configuración actual venderase na China a un prezo oficial de 3.999 iuans (541 euros), aínda que será posible adquirilo en promoción por 3.699 iuans (501 euros), e se buscamos un equipo equivalente custaría 1.024 euros (grazas a que ten un desconto do 20%).
Falamos dun equipo cun procesador Intel Core i5-1240P e gráfica Intel Iris Xe, equipado con 16 GB de RAM (DDR4) e 512 GB de almacenamento SSD (NVMe PCIe 4.0), Wi-Fi 6, Bluetooth 5.3, Ethernet con soporte de velocidades de até 2,5 Gbps, 2 portos USB-C (Thunderbolt 4), 3 portos USB 3.2 Gen 2, 1 porto USB 2.0, 2 portos HDMI 2.1 e mini-jack, todo inserido nunha carcasa de aliaxe de aluminio cunhas dimensións de 112 x 112 x 38 milímetros, que pesa só 437 gramos e ten un consumo de até 100 watts (cun consumo típico de 40 watts), polo que sería un ordenador relativamente potente (podería mover simultaneamente até 4 monitores 4K) nun formato moi contido (grazas en boa medida por ten un transformador de corrente externo).
O equipo funciona con Windows 11, e queda agora por ver se chegará a venderse en Europa, mercado onde podería convencer a moitos usuarios partidarios deste formato de ordenador e que non queren gastar 1.259 euros que custaría un Mac mini con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno.

O novo ordenador de Xiaomi conta cunha conectividade moi completa

PUBLICIDADE