Xiaomi lanza uns auriculares sen fíos moi económicos

martes, 6 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi continúa a lanzar produtos cun prezo moi popular, e cos seus novos auriculares sen fíos AirDots, á venda en China por 199 iuans (uns 25 euros), competirían cos AirPods de Apple (cun prezo de venda de 179 euros). Aínda que o nome de AirDots parecen buscar directamente a comparación dos auriculares de Apple, o certo é que o produto tería un aspecto máis semellante aos Motorola Stream, produto nacido do auténtico innovador nesta gama, o auricular Moto Hint presentado en 2014 (no que semella terse inspirado Apple para lanzar os AirPods un par de anos despois).
Os Xiaomi Mi AirDots prometen ser un dos produtos estrela do vindeiro día 11, xa que ofrecen a un prezo moi axustado uns auriculares Bluetooth 5.0 de só 4,2 gramos de peso, que poden transportarse nun estoxo de carga que permite ampliar a súa autonomía até as 12 horas, en vez das 4 horas que conseguen en reprodución estéreo (5 horas en mono). A superficie exterior destes auriculares é táctil, facilitando así a interacción para responder e colgar chamadas telefónicas ou iniciar e pausar a reprodución multimedia.
Quedamos á espera de coñecer o seu prezo oficial en España, pero todo apunta a que converterase nun auténtico supervendas, principalmente por chegar da man dunha marca que actualmente goza de boa sona, especialmente no noso territorio.

Os AirDots permiten escoitar música e outros sons a través de Bluetooth 5 prescindindo completamente dos cables

PUBLICIDADE