Xiaomi pon á venda un smartphone 5G que ao cambio custaría só 244 euros

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

A finais do ano pasado Xiaomi presentou o smartphone 5G máis económico do mercado, e agora revisan ese teléfono e poñen á venda o Redmi K30i 5G por só 1.899 iuans (244 euros), prezo moi axustado para un smartphone que non só ten conectividade 5G, senón tamén unhas elevadas prestacións.
O Redmi K30i 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, 6 GB de RAM LPDDR4X, 128 GB de almacenamento interno UFS 2.1, pantalla IPS Fulll HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 30 watts, toma para auriculares e incluso NFC multifunción.
A súa principal diferenza co seu irmán maior estaría na súa cámara traseira cuádrupla, que reduce o seu sensor principal dos 64 aos 48 Mpíxeles; mantendo tamén a súa cámara frontal dual cun sensor principal de 20 Mpíxeles apoiado por un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles.
Polo momento os smartphones máis económicos de Xiaomi con conectividade 5G non chegaron a mercado español, onde o produto con 5G máis asumible do fabricante sería o Poco F2 Pro, cun deseño e unhas prestacións moi semellantes ás do Redmi K30i 5G, pero que parte dun prezo moito máis elevado (549 euros).

PUBLICIDADE