Xiaomi prepara un proxector de vídeo económico

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Até o momento o único proxector de vídeo que comercializa Xiaomi en España é un proxector láser de tiro curto, ou sexa, un produto de alta gama (o seu prezo de venda é de 1.899 euros) que non semella na liña do que vende habitualmente o fabricante chinés, pero é posible que isto mude en breve, pois hoxe mesmo lanzou en China unha campaña de compra anticipada do Mijia Projector Lite, unha especie de campaña de micromecenado a través da que pode mercarse un atractivo proxector a só 2.199 iauns (283 euros) cando o seu prezo oficial será posteriormente de 2.499 iuans (321 euros), cantidades moi axustadas se temos en conta o tipo de produto ante o que estamos.
Este proxector económico de Xiaomi non sería de tiro curto, pero si sería Full HD con proxección LED (podendo a súa lámpada chegar ás 30.000 horas de uso), capaz de xerar unha imaxe de até 120 polgadas, polo que sería un produto interesante para quen queira gozar dunha pantalla de grande tamaño sen realizar un elevado investimento. O proxector tería un brillo de 500 lumenes ANSI, contaría cun sistema de refrixeración intelixente (procurando así ser o máis silencioso posible) e, aparte de contar con entrada HDMI e porto USB 3.0 para a reprodución de contidos, está baseado en MIUI TV, ou sexa, que sería semellante a un Smart TV (de feito, de chegar finalmente a Europa, incorporaría Android TV, o que abre a porta a numerosas posibilidades que van dende aplicacións como Netflix e YouTube até a posibilidade de funcionar a xeito de Chromecast).
Queda agora esperar para ver se Xiaomi ousa competir no mercado dos proxectores de vídeo económicos en Europa, ou prefire limitarse ao segmento da alta gama, onde ten unha proposta moi competitiva.

PUBLICIDADE