Xiaomi prepara unhas lentes con pantalla e cámara

luns, 1 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Tras o fracaso das Google Glass e a eterna promesa das lentes de realidade aumentada, chega Xiaomi e ousa entrar neste complexo tipo de produto de consumo cunhas lentes con pantalla micro OLED, unha cámara principal de 50 Mpíxeles e unha cámara periscópica de 8 Mpíxeles (cun zoom óptico de 5x) que pretende chegar ao mercado a un prezo de 2.499 iuans (359 euros).
Como tamén acontecía coas Google Glass, estas novas lentes de Xiaomi serían unha montura que podería empregase cun marco neutro ou cunhas lentes ordinarias (polo que sería un produto válido para persoas que usen lentes graduadas). Integran un procesador Qualcomm Snapdragon de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, Wi-Fi, Bluetooth, batería de 1.020 mAh con carga rápida de 10 watts, de xeito que, aparte de poder empregarse as súas cámaras para disparar fotografías e gravar vídeo, tamén servirían para captar o contorno e poder realizar efectos de realidade aumentada, ofrecer tradución en tempo real e, basicamente, para manexar os contidos que fosen verse na pequena pantalla integrada.
Este produto que verá a luz grazas ao micromecenado, e baixo o paraugas da marca Mijia, resulta moi aparatoso, polo que é bastante difícil que vaia ter unha grande adopción entre o público, ao que tampouco contribúen as súas limitadas funcionalidades, xa que polo momento parece que van limitarse a funcións de tradución ou a proxección de pantallas, non quedando nada claro que iso compense o levar na cara un accesorio pouco discreto e pesado (pesa uns 100 gramos).
En calquera caso, o grande problema deste trebello será o previsible rexeitamento que amosará o público ante un dispositivo con cámaras que poidan invadir a intimidade de terceiros, lección que os chineses non parecen ter aprendido, mentres que dende Google xa adiantan que as súas vindeiras lentes coidarán especialmente este apartado.

A pantalla das lentes pode empregarse para amosar información de distintas fontes

PUBLICIDADE