Xiaomi presenta o seu primeiro smartphone con pantalla encartable

martes, 30 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A Xiaomi non lle chega con ampliar enormemente a súa familia de móbiles Mi 11, senón que tamén realizou importantes presentacións, desvelando que vai entrar no negocio dos vehículos eléctricos e facendo oficial o seu moi anticipado smartphone con pantalla encartable.
Se ben o Mi MIX Fold non é un produto que poidamos considerar revolucionario, xa que ten precedentes notables como o Samsung Galaxy Z Fold 2 e o Huawei Mate X2, pero facilitará a popularización deste tipo de dispositivos xa que de lanzamento non custará máis de 2.000 euros, senón que chegará ao mercado chinés o 16 de abril a un prezo de 9.999 iuans (1.299 euros) para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, chegando até os 12.999 iuans (1.689 euros) para o modelo con 512 GB de almacenamento.
Este novo smartphone de Xiaomi parécese extraordinariamente ao de Huawei, tanto en dimensións como na elección de optar porque a pantalla encartable carece de perforación ou pestana para unha cámara frontal, o que inhabilita o uso do dispositivo para a realización de videoconferencias dende a súa pantalla de grande tamaño, o que parece moi pouco atinado no contacto actual, no que o vídeo en grupo xoga un rol moi importante, especialmente en ámbitos profesionais.
O Mi MIX Fold cando está aberto presenta unha pantalla OLED de 8,01 polgadas, cunha relación de aspecto 4:3, resolución WQHD+, refresco de 60 Hz e HDR10+, mentres que ao pechalo temos unha pantalla AMOLED de 6,5 polgadas cunha relación de aspecto 27:9, resolución de 2.520 x 840 píxeles, refresco de 90 Hz e HDR10, configuración que parece buscar que o dispositivo encartado sexa basicamente un teléfono, mentres que ao abrilo sexa equivalente a un iPad mini (que ten unha pantalla de 7,9 polgadas coa mesma relación de aspecto).
Este dispositivo funciona cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 888, memoria RAM LPDDR5, almacenamento UFS 3.1, conectividade 5G, Wi-Fi 6, 4 altofalantes asinados por Harman Kardon, lector de impresións dixitais nun lateral e unha batería de 5.020 mAh con carga rápida de 67 watts (o que permite unha carga completa en só 37 minutos).
Pero Xiaomi non quere que o seu encartable destaque só polas súas pantallas, e optou por equipar a este smartphone con grandes cámaras acompañadas cun procesador de imaxe Surge C1 desenvolvido pola propia compañía chinesa. A cámara traseira principal do móbil ten un sensor de 108 Mpíxeles e unha cámara ultra grande angular de 123 graos e 13 Mpíxeles, acompañadas por unha cámara realmente innovadora de 8 Mpíxeles que conta cun obxectivo líquido que permítelle alternar entre un teleobxectivo cun zoom óptico de 3x (que pode comportarse como un zoom de até 30x) e unha lente macro capaz de enfocar a só 3 centímetros de distancia.
O móbil tamén ten unha cámara frontal de 20 Mpíxeles, pero non situada na súa pantalla de 8.01 polgadas, senón na de 6,5 polgadas, de xeito que a realización de videoconferencias ou incluso de historias de Instagram ou a gravación de vídeos de TikTok pode resultar bastante insatisfactoria, xa que esta pantalla é excesivamente alargada.
Queda agora por ver se este smartphone chega ao mercado global, pois até o momento a única compañía que está a vender móbiles con pantallas encartables con certa normalidade é Samsung, mentres que o resto presenta os produtos pero a súa distribución é moi limitada.

Vídeo promocional do Mi MIX Fold

PUBLICIDADE