Xiaomi presenta o seu primeiro televisor curvo de 65 polgadas

mércores, 23 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O popular fabricante chinés Xiaomi non se limita a rachar o mercado dos smartphones, senón que tamén está a esforzarse a facer o mesmo cos Smart TV, e aínda que polo momento non vemos estes produtos en Europa, deixan claro que dende China poderían pronto facer sombra aos fabricantes surcoreanos de continuar con pantallas tan atractivas como as dos novos Mi TV 3S, televisores que chegarán en dous formatos distintos: pantalla ordinaria de 43 polgadas e pantalla curva de 63 polgadas.
Deste xeito, Xiaomi consegue colocar un grande produto dentro dos televisores de alta gama, onde non só competiría en prezo, senón tamén en innovación, xa que o Mi TV 3S sería o primeiro televisor curvo de Xiaomi, que mantén o característico grosor dos seus últimos modelos (a pantalla ten un grosor de só 5,9 milímetros e un corpo de metal, polo que lembra máis a unha tableta actual que a un televisor tradicional), o seu potente hardware para poder acceder a contidos audiovisuais na Rede e incluso son de alta calidade, para o que inclúe tamén unha barra de son, mantendo o prezo en 8.999 iuans (1.238 euros), cantidade moi axustada para o que podemos considerar unha boa experiencia de cine na casa.
O interior do Mi TV 3S de 65 polgadas pode lembrarnos a unha tableta ou smartphone, xa que este televisor de ultra alta definición funciona cun procesador MStar 6A928 de catro núcleos a 1,4 GHz con gráfica Mali-760, 2 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno, de xeito que tanto pode descodificar por hardware vídeo 4K a 60 fotogramas por segundo empregando o codificador H.265 de 10 bits (incorporando soporte para os formatos de vídeo máis populares do mercado), como pode executar aplicacións con solvencia (funciona cunha versión de Android adaptada a televisores). Tamén conta con conectividade Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, 3 portos HDMI 2.0, 1 porto USB 2.0, 1 porto USB 3.0, entrada VGA e toma Ethernet.

Modelo económico de 43 polgadas

Pero Xiaomi non só quere impresionar ao público coa experiencia cinematográfica das 65 polgadas, senón que tamén quere chegar a usos máis modestos, de aí que o MiT V S3 tamén conte cun modelo Full HD de 43 polgadas, que tamén goza das grandes prestacións de Smart TV propias de Xiaomi e o deseño elegante da súa pantalla (que presente un corpo de aliaxe de aluminio de só 10,9 milímetros de grosor) a un prezo especialmente atractivo: 1.799 iuans (247 euros). Xiaomi incluso presume de que este impresionante e económico televisor só pesa 9,32 quilogramos, aínda que o seu interior tampouco queda atrás, xa que funciona cun procesador Mstar 6A908 de catro núcleos a 1,45 GHz, con gráfica Mali-450, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno, que pode descodificar por hardware vídeo en H.265 a 60 cadros por segundo a 1.080p, contando tamén con Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 4.0, 1 portos HDMI 1.4, 1 porto USB 2.0, 1 porto USB 3.0 e toma Ethernet. Unha opción extraordinariamente atractiva para os que queiran un Smart TV a un prezo económico, que por desgraza aínda non pode adquirirse en Europa.

O Mi TV 3S de 43 polgadas presenta un elegante marco metálico de só 10,9 milímetros de grosor

PUBLICIDADE