Xiaomi presenta o smartphone 5G máis económico do mercado

martes, 10 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Durante o cumio organizado por Qualcomm a semana pasada para presentar os seus novos procesadores adiantaron que Xiaomi sería un dos primeiros fabricantes en integrar as súas novas plataformas móbiles con 5G, pero estas novidades non se limitan á alta gama, senón que o selo económico do fabricante chinés tamén estreará conectividade 5G co Redmi K30 5G, un smartphone que contará cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, de xeito que poderá acceder a redes 5G tanto NSA como SA (ou sexa, preparados para o futuro).
Este smartphone tamén contará con versión 4G, podendo presumir ambos modelos de pantalla de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e cámara principal cun sensor Sony IMX686 de 64 Mpíxeles. Os terminais aliméntanse dunha batería de 4.500 mAh, que no modelo 5G pode cargarse até a 30 watts (o modelo 4G ten carga a 27 watts), o que supón que pode completar unha carga en só 66 minutos.
A cámara traseira cuádrupla conta co mencionado sensor de 64 Mpíxeles (que fai uso de tecnoloxía Super Pixel e conta con Modo Noite), así como un grande angular de 8 Mpíxeles, un macro de 2 Mpíxeles e un sensor para retratos de 2 Mpíxeles; mentres que a súa pantalla moi apaisada (ten unha relación de 20:9) agocha unha cámara dual perforada (semellante á do Galaxy S10+) con sensores de 20 e 2 Mpíxeles.
A maiores, os novos Redmi K30 contan con lector de pegadas lateral, NFC, emisor de infravermellos e toma para auriculares.
O Redmi K30 4G sae á venda este xoves en modelos con 6/8 GB de RAM e 64/128/256 GB de almacenamento interno por prezos que van dende os 1.599 iuans aos 2.199 iuans (entre 205 e 282 euros); mentres que polo Redmi K30 5G teremos que agardar até finais de xaneiro, cando sairá á venda por un prezo que parte dos 1999 iuans (256 euros) o que o converte no smartphone 5G máis económico do mercado. O Redmi K30 5G máis básico chegará con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, mentres que o modelo máis completo, con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento, venderase a 2899 iuans (372 euros).

PUBLICIDADE