Xiaomi presenta un reloxo espertador conectado

venres, 8 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Durante a presentación dos Redmi Note 9T e Redmi 9T tamén se deu a coñecer outro interesante produto de Xiaomi, o Mi Smart Clock, que vén a ser unha versión chinesa do Nest Hub, ou sexa, unha pantalla táctil de 3,97 polgadas que serve de reloxo espertador, marco de fotos dixital, axenda e altofalante co Asistente de Google integrado, de xeito que pode controlarse coa voz, pero tamén pode aproveitarse para manexar a electrónica doméstica.
O Mi Smart Clock venderase a un prezo recomendado de 49,99 euros, o que é considerablemente máis barato que o Nest Hub (que saíu á venda a 89,99 euros, aínda que actualmente o seu prezo oficial é de 69,99 euros).
A pantalla tamén é compatible con Chromecast, de xeito que é posible presentar contido multimedia, aínda que para moitos resultará máis práctico o feito de que poida servir para amosar a imaxe captada por cámaras de vixilancia como a nova Mi 360º Home Security Camera 2K Pro (cámara de 3 Mpíxeles que integra son bidireccional), que sairá á venda a un prezo de 59,99 euros.

O Mi Smart Clock claramente está orientado para o seu uso no dormitorio, aínda que ese tipo de trebello tamén resulta práctico en moitos outros escenarios

PUBLICIDADE