Xiaomi presenta un smartphone de gama media con 5G e zoom de até 50x

luns, 27 de abril do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe un novo smartphone, o Mi 10 Lite Zoom Edition, que sae á venda na China a un prezo que parte dos 2.099 iuans (273 euros), o que é u prezo bastante axustado para un teléfono con conectividade 5G que busca chamar a atención coa súa cámara periscópica capaz de conseguir un zoom óptico de 5x (dixital de até 50x) mantendo un corpo cun grosor de só 7,88 milímetros.
Pero o Mi 10 Lite Zoom Edition non só destaca pola súa cámara, senón que tamén conta con outros detalles salientables, como carcasas en 5 cores diferentes, unha pantalla AMOLED Full HD+ con HDR10+ e 6,57 polgadas de diagonal (cunha pequena pestana superior central que alberga unha cámara frontal de 16 Mpíxeles), e unha batería de 4.160 mAh, que buscaría atender as esixencias enerxéticas da 5G para permitir que o móbil poida funcionar durante toda a xornada sen ter que precisar de recargas (podendo destacarse que tamén soporta carga rápida de 20 watts).
O sistema de cámaras traseiras conta cun sensor principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1.79, ultra grande angular de 8 Mpíxeles, teleobxectivo de 8 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe e unha cámara macro de 2 Mpíxeles. Tamén é capaz de gravar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo.
Este smartphone de gama media tamén conta con NFC, emisor de infravermellos, Bluetooth 5.1, Wi-Fi 5 e lector de pegadas en pantalla, polo que pode verse como un produto moi completo, que chega ao mercado cun procesador Qualcomm Snapdragon 765 5G e configuracións con 6/8 GB de RAM LPDDR4X e 64/128/256 GB de almacenamento interno UFS 2.1 con prezos que van dende os mencionados 2.099 iuans (273 euros) até 2.799 iuans (364 euros), converténdose nun dos smartphones 5G máis competitivos do mercado. De feito, a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento coincide en prezo, 2.299 iuans, co Realme X50m 5G coa mesma configuración, de xeito que os usuarios optarán por un ou outro dispositivo en función do seu interese polo zoom da cámara de Xiaomi ou polo refresco de 120 Hz da pantalla de Realme.

PUBLICIDADE